Programa "E ti que fas polo mundo?"



O pasado 3 de decembro os alumnos de 5º de Educación Primaria tiveron a segunda sesión do Programa de educación ambiental sobre redución de residuos e consumo responsable “E ti que fas polo mundo?”.
Esta proposta está orientada a traballar co alumnado dende un cambio de paradigma co concepto dos residuos, co fin de fomentar actitudes relacionadas coa responsabilidade na súa separación, e sobre todo de compromiso persoal ante a redución na xeración dos mesmos, de modo que lles permitan coñecer a dimensión da problemática, mais empatizando cos intereses e capacidades da súa idade.
Nesta segunda sesión propúxose fixar o cambio de actitudes e a creación de habilidades nos nenos e nenas para lograr un aumento da separación dos residuos nos seus fogares e unha diminución dos mesmos orientado sobre todo ao fomento da produción de compostaxe e a eliminación de determinadas sobreembalaxes.
Para rematar o traballo co alumnado, intentouse fortalecer a asunción de compromisos concretos para o empoderamento das actitudes respectuosas co medio ambiente, fronte a outras que socialmente están admitidas e ben valoradas. Por pequenos grupos os rapaces escolleron cales son os compromisos que queren asumir. Como celebración dos compromisos adquiridos, de empoderamento cara as novas actitudes descubertas, e de cohesión grupal orientada a boas prácticas conxuntas levouse a cabo un “fotocol” coa frase “ E ti, que fas polo mundo?”, na que os grupos sacáronse fotos cos carteis feitos por eles sobre os seus propios compromisos adquiridos.
Co fin de facer máis visible esta campaña para a cidadanía, as imaxes poden verse en https://es-es.facebook.com/etiquefaspolomundo